Unha peza de Julio para un intérprete e un sofá de moi baixa calidade mercado en tempos de viaxe global cara un mundo derrotado ao bordo do abismo.
Inicio
A cia de teatro Xerpo, composta polas creadoras Álex Sobrino e Irene Moreira, presenta esta proposta teatral que parte da escenificación do texto Rapsofá do dramaturgo Julio Fer. Xunto con eles tamén está dende o seu proceso primixenio a sonidista Natalia Cancela, que será a encargada do deseño do espazo sonoro.
Rapsofá e unha peza teatral que nos fala de futuro dende diferentes ópticas. É unha peza para un só intérprete e un sofá, onde a través da súa relación asistimos ao decorrer da vida, unhas veces chea de alegría e outras sombría e irónica. A soedade á que se enfrontan os personaxes lévaos a conversar perante o cantil da incerteza do mañá.
É unha obra de teatro contemporánea en galego cunha chea de festa nas súas veas, a orquestra e a festa integradas todas nun personaxe tan extrovertido e desternillante coma profundo e dramático. Unha festa con conciencia, un concerto autenticamente dramático.
Rapsofá é unha mirada inocente dun ser pusilánime que procura a grandeza da súa arte dende o fracaso máis que asegurado. Un “nini” chegado xa aos corenta que gastou os cartos que non tiña en comprar un sofá de Conforama, que é o obxecto máis definitorio da súa prescindible existencia, e un equipode son cun looper para atronar á veciñanza cos seus temas horribles.
A posta en escena fai lembrar a eses DJ de balcón que tanto proliferaron durante o confinamento pola covid e que, pasado o confinamento, semella que cairon nun escuro esquecimento.
A peza foi escrita na pandemia, e por iso sabe a dj de balcón que vai ser unha das referencias actorais. Unha persoa soa na súa casa vivindo unha pandemia mundial. Como se pode vivir a fin do mundo se estás só? Pois en compañía do teu sofá, con quen falas, para quen cantas e para quen tocas... O personaxe montou na súa casa un dispositivo de festa, e ás veces asómase ao mundo, que nestes tempos é o seu balcón e dende ali, canta, recita, dá consellos e incluso recibe aplausos. Ese xogo situa á proposta nun lugar óptimo para que o público empatice cas tolemias que facemos cando nos sabemos sós. Vivirmos a hecatombe mundial sós e ca posibilidade de retrasmitilo. Retrasmitilo para quen? Pois non o sabemos, pero sabemos da potencia da teconoloxía e do crecemento exponencial da comunicación, é polo que nos deixamos conquistar pola idea de que ao mellor dende o teu sofá estás atravesando a historia da humanidade e endexamais o vas saber, porque estarás morto. O xogo das posibilidades futuras metendo no taboleiro a extinción da terra, a raza humana, a pandemia e o desexo de fama, dan lugar a esta comedia musical da fin do mundo.